viernes

Adoito dicirlles aos que se torturan nos meus Obradoiros Literarios que todas as grandes historias xa foron escritas, pero que aínda faltan as súas. E é verdade: entre Homero e catro máis encargáronse de contalo absolutamente todo. E moi ben, por certo. As historias que xa sabemos que viven dentro dos libros e que turran da emoción lectora: quérote, non me queres, busco o paradiso, a loita entre o ben e o mal, o soño da utopía, a guerra, a paz… É como as cancións, a nada que rañamos nela decatámonos de que case que todas contan o mesmo, a saber, que I love you, baby.

Non obstante, os libros, as historias que conteñen, sempre nos sorprenden e engaiolan. Áínda que conten o mesmo unha e outra vez. Facede a proba. Mirade na vosa biblioteca e tentade resumir en tres liñas de que vai (os editores facemos isto todos os días para as contras dos libros que tiramos do prelo). Comprobaredes que os argumentos, independentemente do complexo ou simple da trama, son máis ou menos sempre os mesmos. Non obstante, que delicia cando esa historia de amor está ben contada. Que pracer grande cando esa epopea está ben narrada. Que gusto magnífico cando esa vida está ben posta sobre o papel, coas letras precisas, coas semánticas exactas.

Sempre é o mesmo e qué. Unha vez e outra e outra máis e qué. Abrir os libros para atopar os argumentos clásicos, claro. Entrar nas páxinas sabedores do que nos espera, si.

Pero que felicidade cando o autor ou autora foron quen de, con paixón de ourives, facer o traballo miúdo de chamar pola literatura con maiúsculas.

Sabémolo. Que non hai nada novo en ningún libro novo ou vello ou clásico ou por escribir. Sabémolo pero aínda así estamos dispostos a seguir lendo historias de f icción. Porque precisamos contos. Necesitamos relatos que nos movan un pouco e de cando en vez, a poder ser cada día, o corazón.

Seguiremos. Sempre. Lendo e lendo mesmo para descubrir que, de cada vez, cada lectura é diferente e non ten nada que ver coas demais nin coas que virán.

Bendita monotonía.



Francisco Castro


No hay comentarios: